Un ‘plan habitacional’ para Vigo ante a falla de vivenda

Na cidade quedan 400 vivendas para alugueiro a un prezo de 710€ para un piso de 70 m2

Un 'plan habitacional' para Vigo ante a falla de vivenda

O Bloque Nacionalista Galego propón a posta en marcha dun Plan municipal de Emerxencia Habitacional que permita despregar medidas no inmediato ante o grave problema da vivenda en Vigo. A fronte nacionalista acusa ao Gobernos local e galego de “política de brazos caídos” diante da situación límite que se vive na cidade pola suba disparada dos alugueiros.

“Ante a falla de resposta da Xunta do PP e do Goberno de Abel Caballero, dende o BNG cremos que esta situación require de medidas concretas aquí e agora”, afirmou o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, rexeitando que este problema se vaia resolver cun novo PXOM que desiste de mobilizar as miles de vivendas baleiras na cidade e que non conta con planificación en detalle da maioría dos ámbitos a urbanizar.

Parque público de vivenda

Igrexas demandou como primeiro paso deste Plan de Emerxencia Habitacional a execución das 11 medidas recollidas na moción do Bloque, aprobada polo Pleno municipal en marzo deste ano. “Medidas que permitan que Vigo dispoña dun parque público de vivenda para alugueiro social e accesíbel antes do remate do ano 2025, dotado con como mínimo 250 vivendas, propuxo.

Así, o portavoz municipal do BNG defendeu que esta meta é “perfectamente factíbel” á vista de que na cidade hai máis de 22.000 vivendas desocupadas, das cales 318 están en mans da banca privada rescatada con diñeiro público e da propia Sareb. “O Concello pode e debe facer moito máis, pois cómpre lembrar que ten preto de 200 millóns de euros de remanentes”, engadiu.

Dende a fronte nacionalista consideraron ademais que estas actuacións permitirían frear a continuada perda de poboación en Vigo, como reflicten os últimos datos oficiais do INE, e sobre todo garantir o primeiro dereito da cidadanía como é habitar a súa propia cidade.


Outras novas


Política de “brazos caídos” de Xunta e Concello

Igrexas acusou nese sentido á Xunta de Galiza do PP e ao Goberno de Abel Caballero de continuar nunha “inxustificábel política de brazos caídos” diante da situación de emerxencia habitacional na cidade, cun aumento dos alugueiros superior ao 30% no último lustro e que este ano encareceu o acceso á vivenda un 9%. “Hoxe temos menos de 400 pisos dispoñíbeis para alugueiro, con prezos imposíbeis por riba dos 710€ para vivendas de 70 metros cadrados, alertou.

Sen novas das 6.000 vivendas prometidas

O portavoz municipal do Bloque afeou que o alcalde prometera en 2007 construír 6.000 vivendas protexidas das que, a día hoxe, non construíu ningunha. Ou a promesa de crear unha Axencia Local de Vivenda que nunca chegou a nacer. “O mesmo Abel Caballero que vén de vetar todas e cada unha das emendas do BNG coas que defendiamos destinar 3,5 millóns de euros para despregar unha enérxica política local de vivenda”, lamentou.

Dende o BNG rexeitaron de igual xeito outras solucións anunciadas polo Goberno local, como a promoción de 28 vivendas en Esturáns a través dun modelo privatizador que vai “deixar  en mans de especuladores” a construción e xestión destes inmóbeis durante os próximos 50 anos. Nin tampouco, asegurou Igrexas, os anuncios inconcretos de posíbeis acordos coa SEPES, a entidade pública adscrita ao Ministerio de Vivenda.

Máis de 2.000 pisos turísticos

Referiuse tamén o voceiro nacionalista á “ameaza ultraespeculativa” dos pisos turísticos que superan xa os 2.150 na cidade, un 217% máis que hai tres anos e case o dobre da media das cidades galegas. “Un aumento preocupante que para Abel Caballero non é excesivo”, criticou Igrexas en relación a recentes declaracións do rexedor, lembrando ademais que en Vigo segue producíndose máis de un desafiuzamento ao día sen ningún tipo de alternativa habitacional.

Te podría interesar