O Bloque Nacionalista Galego vén de anunciar que este luns solicitará formalmente a retirada do punto da orde do día das Comisións Informativas do Pleno no que se ditaminará a proposta do Goberno de designar á ex deputada socialista Dolores Galovart como nova Valedora da Cidadanía, paso previo á súa votación no Pleno ordinario deste mes de xaneiro.
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG defendeu esta medida para “evitar que o absolutismo de Caballero consume un dedazo no relevo de Luis Espada e para crear as condicións que permitan un acordo unánime de toda a Corporación”.
“Clara vinculación co PSOE”
Igrexas insiste nas “enormes dúbidas” que produce a elección de Galovart pola súa “clara vinculación” co PSOE, da que foi deputada no Congreso, e pola súa “manifesta afinidade persoal” co alcalde. “Sen desprezar a acreditada traxectoria e os méritos da señora Galovart, estas condicións non permiten que poidamos confiar nunha Valedora que actúe con plena independencia, imparcialidade e obxectividade como estabelece o Regulamento”, lamentou. O portavoz municipal nacionalista reiterou que “en ningún caso o Bloque pode aceptar que se subordine a Valedoría ao grupo de Goberno”.
Desde a fronte nacionalista critican con dureza a “nula disposición ao diálogo por parte do Goberno de Abel Caballero a pesar da man tendida do BNG”, lembrando que xa propuxeron o pasado mes de novembro que se abrise unha interlocución entre todos os grupos municipais na Xunta de Portavoces co obxectivo de “promover un acordo unánime que garanta que a nova Valedoría sexa unha figura representativa do conxunto plural da cidade e con plena independencia”.
Tamén en vigoalminuto
- Se necesitan 283 especialistas digitales para toda la provincia de Pontevedra
- Científicos del Instituto de Oceanografía identifican un parásito que afecta la calidad de la sardina
- O BNG de Vigo pide a retirada da proposta de Dolores Galovart como Valedora da Cidadanía
- Aparece muerto flotando en el muelle de Aldán
- Empieza una semana de lluvia
- Reclaman al Gobierno un estudio sobre el coste del rescate y la gratuidad de la AP-9
Nomeamento irregular
Aliás, Igrexas volve advertir de que para alén da falla de consenso este nomeamento vaise producir nunha situación “abertamente irregular”. No concreto, alude á negativa do goberno de Caballero a constituír a Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións do Concello, de carácter obrigatorio. “A Valedoría está definida, precisamente, como órgano de enlace e colaboración desa hoxe inexistente Comisión”, salientou Igrexas.
Unha circunstancia, lembrou o portavoz municipal nacionalista, que foi reiteradamente denunciada polo BNG, urxindo a posta en marcha desta Comisión Especial para “poder exercer unha verdadeira e efectiva supervisión e fiscalización da Administración municipal e para atender as numerosas queixas e demandas da veciñanza, que desde o inicio deste mandato xa son máis de 16.000“.
Abrir unha nova etapa
Igrexas remarcou que para o BNG o relevo de Luís Espada é “unha oportunidade para abrirmos unha nova etapa” á fronte da Valedoría da Cidadanía, dotándoa de máis autonomía e capacidade de actuación. “Diante dun Goberno municipal que insiste na súa xordeira autoritaria, na súa falla de diálogo co tecido asociativo e na desatención das demandas veciñais, é máis necesario do que nunca que a Valedoría exerza plenamente as súas competencias”, subliñou. “Merecemos unha Valedora de toda a cidadanía e non só do PSOE”, remachou.