O conselleiro de Sanidade avanzou hoxe que antes do verán entrará en servizo a ampliación do hospital de día do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, que permitirá aumentar ata un 30 % os tratamentos diarios a pacientes de cancro.
Antonio Gómez Caamaño participou este mediodía na inauguración da nova sede da Asociación Española contra o Cancro, situada na rúa Venezuela con Simón Bolívar, e detallou que esta actuación de ampliación do hospital de día suporá un investimento de 900.000 euros e “ofrecerá resposta a un cambio de paradigma na atención aos pacientes de cancro, evitando moitos ingresos“.
Aliado estratéxico
O conselleiro referiuse á Asociación Española contra o Cancro como un aliado de enorme valor para os profesionais da oncoloxía e para os xestores da sanidade pública, facilitando que o Executivo galego poida chegar máis lonxe na atención aos doentes e na procura de respostas máis ambiciosas aos problemas complexos.
Lembrou que a Asociación Española contra o Cancro de Vigo leva anos traballando para situarse á vangarda en todos os ámbitos, tanto desde o acompañamento aos pacientes e ás súas familias, como no impulso da investigación.
Explicou que da comunicación establecida entre esta asociación e o departamento sanitario galego xurdiron importantes iniciativas, entre as que o conselleiro citou as vías rápidas para a atención de procesos oncolóxicos, mediante as que xa pasaron consulta máis de 6.500 persoas, chegando a realizarse 3.263 probas.
Xunto ao anterior, Gómez Caamaño destacou outras iniciativas froito dese diálogo, como é a humanización das áreas de oncoloxía e os cambios organizativos para minimizar as molestias aos pacientes e as novas prácticas na súa atención que está a poñer en marcha o Servizo Galego de Saúde.
Tamén en vigoalminuto
- A “forza interior” das Rías Baixas atractivo turístico para este 2025
- No hay droga dentro del ‘narcosubmarino’ localizado en la Costa da Morte
- Renfe pone en circulación dos nuevos Avlo entre Vigo y Madrid
- C. Tangana, en Vigo este próximo día 30
- O conselleiro de Sanidade asegura que antes de o verán entrará en servizo a ampliación do Hospital de Día en Vigo
- Vigo deja pasmado a FITUR
Momento ‘prometedor’ para os pacientes
Na súa intervención, Gómez Caamaño puxo en valor o papel da Asociación Española contra o Cancro como principal impulsora da investigación oncolóxica. Incidiu en que se está a vivir un momento decisivo para a oncoloxía que resulta prometedor para os pacientes e para a medicina.
A este respecto, o conselleiro salientouque o seu departamento ten un programa de cribados moi amplo que está a acreditar unha grande eficacia na prevención e control da enfermidade. Así, o balance do programa de cribado de cancro de colon reflicte a detección de 2.600 casos en dez anos, dos que o 65 % deles estaban en fases iniciais.
Ademais, grazas á oncoloxía de precisión, estanse a multiplicar as capacidades de diagnosticar con exactitude os tipos de tumores e tratalos axeitadamente.
Centro de Protonterapia
Outras medidas destacadas polo conselleiro neste ámbito son a recente constitución do Comité Molecular de Tumores de Galicia, o Centro de Fabricación de Terapias Avanzada ou o Centro de Protonterapia de Galicia, que será o primeiro da sanidade pública española e poderá tratar xa pacientes en 2026.
Gómez Caamaño rematou a súa intervención sinalando que coidar da saúde da poboación é un obxectivo moi estimulante e moi exixente, especialmente na área sanitaria de Vigo, onde o volume da poboación require de maiores esforzos e dunha maior mobilización de recursos.