O Concello de Tui vén de declarar un día de loito oficial polo pasamento do concelleiro Xosé Martínez Tato. Era membro da corporación municipal dende o ano 2013 formando parte do grupo municipal do BNG. As bandeiras da casa do concello ondearán este mércores a media asta.
Xosé Martínez Tato, de 70 anos, casado, con catro fillos e dous netos, “destacou sempre polo seu compromiso e implicación en moi diversos ámbitos”, subliña o Goberno municipal tudense nunha nota remitida aos medios de comunicación.
“Unha persoa necesaria, comprometida, sempre disposto a traballar polo ben común”. así definía Carmen Núñez, voceira do BNG, ao seu compañeiro falecido de xeito inesperado. Dende o Partido Popular definien a Martínez Tato como “unha persoa afable e sempre preocupada e disposta. Gran colaborador e participante nos temas do concello, moi querido e apreciado por todos e un bo compañeiro de corporación. O seu compromiso e dedicación deixan unha pegada imborrable no noso municipio “. Finalmente, Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui salientou a dimensión humana de Tato, “o seu compromiso e a súa implicación no ámbito social da nosa cidade”.