Cultura

Veciños de Teis organizan este sábado un acto polo ‘Día de Rosalía’ e para reclamar a biblioteca

Ás 12:00h. na rúa Enrique Lorenzo

Veciños de Teis organizan este sábado un acto polo 'Día de Rosalía' e para reclamar a biblioteca

A Asociación Veciñal de Teis, organiza un acto cultural para conmemorar  o 188 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro -23/02/1837-, este  sábado 22 de febreiro ás 12:00 horas, diante do edificio do antigo centro de saúde – rúa Enrique Lorenzo-.  Para a ocasión actuará o grupo de gaitas da Asociación e haberá unha lectura pública de textos de poemas de Rosalía.

Con esta ceremonia, “queremos difundir a obra da nosa poeta nacional,  referente da nosa literatura, comprometida ao longo da súa vida co seu pobo, a través da súa obra literaria. Ademais, queremos amosar a importancia de promover  o seu uso  e a defensa da nosa  lingua“.


Tamén en vigoalminuto


Case 11 anos, agardando pola biblioteca

A decisión de celebrar este acto cultural diante do edificio do antigo centro de saúde, ten como obxectivo lembrar a necesidade dunha biblioteca para Teis e que se anunciou hai case 11 anos. Os responsábeis da Asociación subliñan que “a nosa cidade conta cun escaso número de bibliotecas, a última foi a biblioteca ” Xosé Neira Vilas “, no Calvario, inaugurada en 2011, e desde aquela non se construíu ningunha biblioteca máis en Vigo“.

Os veciños defenden que a biblioteca de Teis, sexa  unha dotación cultural do século XXI, que conte con libros, e non se limite a unha simple sala de lectura, “como se pretende desde o  Goberno municipal”.

Despois de tantos anos queremos avanzos reais na construción da biblioteca ,pois até o de agora houbo moitos anuncios máis de 20, infografías, pero ningún avanzo real”.

Nin se derrobou o edificio actual

A día hoxe, aínda non se derrubou o edificio, paso previo necesario para a construción da nova biblioteca, no orzamento municipal  de 2025 figuran 900.000€ e “aínda non se gastou nin un só euro, nesta dotación cultural”.    

“Desde a Asociación Veciñal de Teis, esiximos a Abel Caballero coñecer o proxecto definitivo que garanta unha biblioteca para Teis, unha data para o derrubo do actual edificio e  para o comezo das obras”.

Te podría interesar