O Entroido do Porriño 2025 xa está oficialmente en marcha, cunha primeira xornada que encheu as rúas de alegría, música e moita participación veciñal. A festa comezou ao mediodía co desfile dos tradicionais xigantes e cabezudos, que percorreron a vila entre as 12:00 e as 14:00 h contaxiando á veciñanza e visitantes co seu ambiente festivo, acompañados polas charangas Vai de Baile e Noroeste.
Pregón
Ás 13:00 h celebrouse o acto central da mañá: o pregón do Entroido, a cargo de Carla Marques Vaquero, alumna de 4º da ESO do Colexio Santo Tomás e gañadora do concurso de carteis na categoría de Secundaria. O pregón desenvolveuse no balcón da Casa Consistorial, onde Carla estivo acompañada polos outros escolares premiados, resaltando o talento e a creatividade da mocidade porriñesa.
Durante a súa intervención, Carla compartiu a emoción que sentiu ao ver o seu cartel convertido na imaxe oficial destas festas. No seu discurso destacou a importancia da arte e da creatividade nas nosas tradicións, lembrando que o Entroido é moito máis ca unha festa: é unha expresión da identidade colectiva do Porriño, unha conexión directa coas nosas raíces e unha celebración aberta a toda a comunidade. “A capacidade de crear e de festexar é algo que nos fai humanos”, afirmou a pregoeira, que tamén quixo reivindicar o papel da xuventude como garante de que esta festa siga viva no futuro.

O alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, destacou a relevancia de darlle voz á mocidade no inicio dunha das festas máis queridas da vila: “O Entroido do Porriño é de todos e todas, e contar cunha pregoeira nova, creativa e orgullosa da súa cultura é unha mensaxe clara de que o futuro da nosa festa está asegurado”.
Unha tarde e unha noite cheas de propostas para todos os públicos
- A programación continúa esta tarde cun dos actos máis tradicionais e simbólicos do noso Entroido: o 81º Xogo da Ola, que comezará ás 16:00 h na súa rúa homónima. Este evento, que forma parte da historia do Entroido local, ofrecerá unha tarde chea de emoción e tradición.
- Entre as 16:30 e as 18:00 h, a festa volverá ás rúas da man dos cabezudos e das Charangas SDK, Vai de Baile e Bate no Cobre, que seguirán espallando música e bo humor polas rúas da vila. Ao mesmo tempo, na Praza Arquitecto Antonio Palacios, terá lugar un obradoiro infantil para que a cativada tamén poida gozar da festa a súa maneira.
- Ás 18:30 h, sairá dende o Pavillón Municipal de Deportes o esperado Desfile de Comparsas, que promete ser o máis multitudinario da historia de O Porriño, con 27 comparsas e 2.155 participantes dispostos a encher as rúas de cor e vitalidade. O desfile percorrerá as principais rúas ata a praza central, onde as comparsas desfilarán ao ritmo de música, baile e ledicia, creando un espectáculo incrible que contaxiará a todo o público.
- Para pechar a xornada por todo o alto, a música tomará o escenario da Praza Arquitecto Antonio Palacios cos concertos de Gin Toni’s, Henry Méndez e Samu Pexe, que farán vibrar ao público co seu ritmo e bo ambiente.
Tamén en vigoalminuto
- O Porriño comeza o seu Entroido con música, tradición e cor
- Música, teatro y ballet en la programación de marzo de Afundación Vigo
- Aberto, ata o 20 de marzo, o prazo de solicitude de praza para o vindeiro curso escolar
- Muere la alcaldesa de Lugo, tras sufrir un infarto
- El Concello cumple uno de los últimos trámites, antes de empezar las obras de la Piscina de Teis
- Las obras del nuevo centro de salud, en los antiguos juzgados de Vigo, están ya al 60%
E nos próximos días…
O Entroido non remata aquí.
- O domingo, a festa continuará cunha xornada dedicada á cativada, que incluirá unha festa infantil pola mañá, e ás 22:00 h, o concerto da Orquestra París de Noia porá o broche final ao día cunha actuación chea de enerxía e música festiva.
- Doutra banda, o luns, ás 17:00 h, a cativada continuará participando nas actividades do entroido cun obradoiro infantil na Praza Arquitecto Antonio Palacios.
- As Charangas Imperiais e a Fanfarria Furruxa volverán animar as rúas o martes de 12:00 a 14:00 h. Pola tarde, a partir das 17:00 h, desfilarán novamente as comparsas acompañadas de charangas e batucadas, dende a Rúa Manuel Rodríguez ata a Praza Central.
- Finalmente, o mércores de cinza, último día do Entroido, as 17:00 h. celebrarase o tradicional velorio da sardiña no Círculo Recreativo Cultural. A xornada continuará coa lectura do testamento da sardiña na Praza do Concello e o acompañamento da sardiña ata o río Louro, pechando a festa de forma inesquecible.