Activistas de Ecoloxistas en Acción e Greenpeace amosaron hoxe na sede da Xunta de Galicia en Vigo o seu rexeitamento á Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorábel á instalación da fábrica de celulosa de Altri/Greenfiber en Palas de Rei.
Con carteis nos que se lía “Altri Non”, as organizacións esixiron por rexistro ao goberno galego que, dada a gran controversia social xerada no país e ás enormes dúbidas que existen sobre a limpeza do proceso de avaliación ambiental, faga públicos xa os informes sectoriais nos que se cimenta a viabilidade da planta na DIA.
“Estamos ante o proxecto industrial máis lesivo que se presentou en Galicia nas últimas décadas. A excepcionalidade do mesmo e a enorme mobilización social xerada na súa contra esixen tamén unha transparencia excepcional e un trato igualitario con respecto á empresa, que si puido dar resposta a todos os informes sectoriais de maneira detallada, segundo afirmou o seu CEO, José Soares de Pina. Calquera cidadán ou cidadá galega é parte interesada nisto. Vimos pedir á Xunta que informe de igual xeito á cidadanía e que deixe de actuar como xuíz e parte“, afirman dende as organizacións.
Tamén en vigoalminuto
- Luis López convida a participar na Feira do Requeixo e do Mel das Neves
- Saneamento para 13 vivendas para o barrio da Presa, en Salceda
- Caballero se reunirá con el presidente de Renfe, para intentar recortar el tiempo de viaje Vigo-Madrid
- Denuncian otra ‘tala masiva’ entre Rosalía y Areal, donde sólo ha sobrevivido un árbol
- Comeza en Vigo a “mobilización permanente” contra a fábrica de Altri
- Orden de búsqueda y captura contra el acusado de violar a otro hombre en un parking de Vigo
Alfombra vermella da Xunta
Segundo as ONG, a DIA favorável a Altri non causou sorpresa, por canto a Xunta de Galicia leva estendendo unha alfombra vermella á empresa dende que Nuñez Feijoó anunciara o mesmo en 2022, malia que daquela o proxecto difería moito do actual e se agachou á mantenta a fabricación masiva de celulosa. Porén, trátase dunha Declaración de Impacto Ambiental que parece máis un libro de instrucións para meter a calzador a fábrica na Ulloa que para garantir a súa viabilidade ambiental, afirman as organizacións.

Mobilización permanente
“Chamamos ao pobo galego á mobilización permanente en todas as vilas do país. Esta DIA favorábel para a macrocelulosa non é, nin moito menos, o final do proceso, aínda quedan trámites administrativos e tamén o percorrido nos xulgados se o proxecto é finalmente autorizado. Imos dar a batalla nas rúas e onde sexa necesario“, declaran desde as organizacións ecoloxistas. Sinalan, ademais, que “sen fondos públicos Altri nunca será unha realidade, por iso é moi importante que o Goberno central teña presente o rexeitamento social masivo que xerou este proxecto de celulosa. A sociedade galega non entendería que se financiase esta barbaridade con fondos públicos“.
Finalmente, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace animan ás galegas e galegos a acudir masivamente este sábado 22 de marzo á manifestación en defensa da ría de Arousa, convocada na Pobra do Caramiñal ás 12:00 horas, para amosar o seu rexeitamento á macrocelulosa e esixir á Xunta a que rectifique.