Comarcas

Saneamento para 13 vivendas para o barrio da Presa, en Salceda

Nunha zona na que se tiñan producido filtracións de augas fecais

Saneamento para 13 vivendas para o barrio da Presa, en Salceda

As obras para dotar do servizo de saneamento ao barrio da Presa -en Salceda de Caselas- avanzan a bo ritmo e segundo o previsto. A alcaldesa, Loli Castiñeira, acompañada do concelleiro de Axenda Ecolóxica, e das representantes da Asociación Veciñal de Parderrubias, visitou as obras para comprobar a súa evolución.

Nesta ocasión trátase dun tramo de 544 metros de lonxitude que permitirá dar servizo a un total de 13 vivendas, poñendo solución a un problema ambiental existente na zona, na que se tiñan producido filtracións de augas fecais. Este tramo era sen dúbida o máis urxente na zona, e será completado segundo as posibilidades de cada momento co resto de tramos pendentes.


Tamén en vigoalminuto


Así, o pasado 6 de febreiro, a alcaldesa e o concelleiro de Axenda Ecolóxica, xunto cos redactores do proxecto e a empresa adxudicataria mantiveron unha xuntanza na sede da Asociación Veciñal Santo Tomé de Parderrubias para explicarlle á veciñanza o alcance desta fase. Nesa mesma xuntanza abordouse o libro de ruta a seguir para o saneamento completo do barrio da Presa, distribuído en varias fases. A complexidade técnica da zona fai que se precise dun estudio de alternativas previo para analizar a viabilidade das diferentes opcións, estudio no que xa se está a traballar dende o Concello.

O proxecto para a obra foi encargado e financiado polo Consorcio de Augas do Louro, e agora é o Concello de Salceda quen o executa contando con unha subvención de 132.067,76€ do Plan +Provincia 2024, da Deputación.

A alcaldesa Loli Castiñeira asegura que “estamos de cheo na segunda transformación de Salceda, e nesa transformación o saneamento ten que ser a nosa premisa fundamental para o rural”.

Te podría interesar