Deportes

O Porriño recibe esta fin de semana aos 200 corredores que participan na Challenge Rías Baixas

Unha das citas máis importantes do ciclismo galego

O Porriño acolle esta fin de semana aos 200 corredores que participan na Challenge Rías Baixas

O Concello do Porriño foi escenario esta mañá da presentación oficial da IX Challenge As Rías Baixas, unha das citas máis importantes do ciclismo galego, que reunirá a 200 corredores das categorías máster e xuvenil durante a fin de semana do 3 e 4 de maio. A proba, organizada polo club ciclista Master da Louriña, percorrerá os municipios de Mos, Ponteareas e O Porriño nun percorrido esixente que combina tramos en liña e contrarreloxo.


Outras novas


No acto participaron o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, así como os seus homólogos de Ponteareas e Mos, Nicolás Rodríguez e Camilo Grandal, respectivamente. Tamén asistiron o presidente do club organizador, Juan José Álvarez Cerdeira, por parte da Federación Galega de Ciclismo, Óscar Sánchez,  Rafael Pérez, representando a unha das empresas patrocinadoras do evento deportivo e Horacio Barros.

Alejandro Lorenzo salientou a importancia que ten para O Porriño ser sede dunha proba desta dimensión, afirmando que “a Challenge As Rías Baixas é moito máis ca unha competición deportiva: é unha oportunidade para mostrar o dinamismo e o compromiso dos nosos concellos coa promoción da actividade física e coa organización de eventos de primeiro nivel“. O rexedor destacou tamén o impacto positivo que terá na economía local e no tecido asociativo, animando a toda a cidadanía a vivir esta festa do ciclismo.

Pola súa parte, Abel Estévez destacou o traballo conxunto realizado entre administracións e entidades deportivas para facer realidade esta nova edición. “Estamos moi orgullosos de acoller unha cita que combina deporte de alto nivel e participación cidadá”, asegurou o concelleiro de Deportes, quen engadiu que “o ciclismo representa valores fundamentais como o esforzo, a solidariedade e a superación, principios que desde O Porriño queremos seguir impulsando entre os máis novos”.

Tres etapas

A IX Challenge As Rías Baixas desenvolverase en tres etapas moi esixentes:

  • o sábado 3 de maio disputarase o Gran Premio de Mos, cun percorrido en liña de 79 quilómetros e 800 metros de desnivel acumulado
  • Esa mesma tarde terá lugar a contrarreloxo individual de Ponteareas, sobre un trazado técnico de 11 quilómetros
  • o domingo 4, o Gran Premio do Porriño pechará a competición cun percorrido de 85 quilómetros e preto de 1.000 metros de desnivel, nunha etapa que decidirá os vencedores finais

O evento premiará aos líderes das diferentes clasificacións xerais e de especialidades, co obxectivo de fomentar a competitividade e a emoción ata a última pedalada. Desde a organización e os concellos implicados convidan a todos os veciños e visitantes a apoiar aos corredores, convertendo esta IX Challenge As Rías Baixas nunha verdadeira festa do ciclismo galego.

43º Trofeo Horacio Barros

Será unha ‘ponte’ chea de ciclismo no Porriño posto que este mesmo xoves, 1 de maio, dispútase o ’43º Trofeo Horacio Barros’, unha das citas imprescindibeis do ciclismo base galego. A proba terá lugar no Parque de Torneiros e reunirá a ciclistas das categorías promesa, principiante, alevín, infantil, cadete e júnior feminina.

Así, a competición comezará ás 10:00 horas, sucederanse distintas probas adaptadas a cada categoría e culminará coa entrega de premios prevista para as 13:15 horas.

A presentación desta edición, na que estivo presente o propio Horacio Barros, serviu para recoñecer a súa figura como pioneiro e promotor do ciclismo na comarca da Louriña, cuxo legado continúa a inspirar ás novas xeracións. A presenza dos novos ciclistas de base no acto deu un simbolismo especial á xornada, reforzando o espírito de continuidade e ilusión que define este trofeo.

Te podría interesar