O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo anunciou hoxe a incorporación de todos os establecementos hoteleiros da cidade á Fundación Vigo Convention Bureau, así como de dez novas empresas. “Deste xeito a Fundación acada a cifra de 55 empresas colaboradoras, cando o noso obxectivo inicial era de 75 en 3 anos”, destacou o edil. Anunciou tamén a celebración dun novo congreso na cidade no mes de outubro.
Tras a xuntanza do padroado que tivo lugar esta mañá, na que tamén participaron entre outros o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e o presidente da Cámara de Comercio de Vigo, José García Costas, o tenente de alcalde destacou que con esta progresiva ampliación da Fundación “cúmprese o compromiso de que o sector turístico teña voz e voto en todas as decisións que se tomen e que lle afecten directamente”.
Para o responsable municipal de Turismo estas novas incorporacións amosan que o Vigo Convention Bureau “é unha institución totalmente necesaria para a nosa cidade“. Entre elas mencionou a da Asociación de Hoteis de Vigo (Ahosvi), que se incorpora cos seus 25 asociados, e a do representante de do sector privado Manuel Fernández de Viaxes Karma.
O tenente de alcalde anunciou, por outra banda, que do 28 ao 31 de outubro se celebrará en Vigo o Congreso Estatal de Ensino Privado. En total, máis de 500 directivos de centros educativos privados se darán cita neses días na cidade, cun gasto medio por persoa de 200 euros diarios.