Pode ser porque é de balde, pero as orquestras en verbenas son os espectáculos no que participa unha maior porcentaxe de galegos a lo menos unha vez ao ano: un 65 por cento acode a este evento cultural fronte ao 47,7 por cento que vai ao cine e o 39,1 por cento que visita un museo a lo menos unha vez cada ano, segundo o Observatorio da Cultura Galega.
Un fenómeno único e sen parangón en España e Europa do que só se poden recoller algunha tradición en Canarias, aínda que non comparable co preto de medio milleiro de orquestras que se poden atopar en Galicia e que moven varios millóns de euros cada ano. Un sector moi activo a través das comisións de festas, legado musical popular galego, no que se mestura o folclore co repertorio latino como pegada da emigración galega que vive un momento de gran vitalidade.
E conta con moitos seguidores entre a xente nova: o 78,6 por cento dos galegos de entre 5 e 29 anos asisten polo menos unha vez ao ano ás verbenas; no rango de entre 30 e 49 anos a porcentaxe baixa ata o 74,2 por cento e a partir dos 50 ata o 49,1 por cento.
E aproveitando este tirón nace o Festival Internacional de Orquestras de Galicia (FIOU), que se celebrará por primeira vez na localidade ourensá de Cea entre o 3 e 5 de setembro para reivindicar este rasgo da cultura galega. Un festival pioneiro en Europa co que ofrecer unha visión libre de estereotipos deste fenómeno cultural e no que se mesturará o formato tradicional das festas populares galegas co dos grandes eventos musicais, con servizos como zona de acampada. “Queremos ser o Ortigueira das orquestras de baile”, aseguran os organizadores. Para logralo, 11 conxuntos en tres días, desde orquestras consolidadas ata os sons máis inovadores chegados dende Estados Unidos, Sicilia ou Francia.