Galicia

A desigualdade entre xéneros, tamén na innovación e desenvolvemento

Teñen postos menos relevantes, salarios menores, esíxelles un nivel de formación superior para acceder a postos de resposabilidade, desenvolven o seu traballo en áreas de menor importancia económica e menos valoradas socialmente. Esta é a conclusión á que chegou o estudo ‘Situación das mulleres no sistema Ciencia-Tecnoloxía-Empresa de Galicia’ realizado pola Cuna de Galicia, no que tamén quedou claro que elas non perciben estas desigualdades.

As profesionais da rama da investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación móstranse moi satisfeitas co traballo que desempeñan. Puntúan o grao de satisfacción co traballo realizado cun notable alto. Coinciden en destacar como aspectos positivos a creatividade, o dinamismo, a posibilidade de facer o que realmente lles gusta, relacionarse con outras persoas e desenvolver un traballo en equipo. Como aspectos menos atractivos apuntan que é un sector que esixe unha enorme dedicación, en horas e en anos, e que se da unha gran competitividade, característica que é percibida como especialmente negativa.

De entrada, son moi poucas as persoas que identifican neste ámbito desigualdades de xénero ou discriminacións, pero os valores, costumes e demais elementos socioculturais dunha sociedade aínda moi machista impregnan o sector científico-tecnolóxico, que non queda á marxe.

A través do presente estudo conclúese a existencia das dúas formas de discriminación máis habituais. Por un lado, a discriminación horizontal, pola que as mulleres quedan “relegadas” a determinadas disciplinas e a certos traballos que poden considerarse unha extensión académica e profesional do rol de coidado tradicionalmente asignado e asumido polas mulleres. Isto tradúcese en que determinadas carreiras estean máis feminizadas que outras e que a certos traballos (os feminizados), se lles dea menor valor que a outros.

Un exemplo diso é que nas titulacións de ciencias da saúde, ciencias xurídicas e sociais e humanidades, as mulleres son maioría, por encima do 60%, e nas ciencias experimentais, aínda que tamén superan o número de homes, esta diferenza é menor. Sen embargo, a proporción de mulleres tituladas en ensinanzas técnicas non acada o 29%.

Máis formación, menor remuneración

Ademais, a área das tecnoloxías da información e as telecomunicacións son as que contan con maior número de persoas empregadas, aínda que só o 4% do total son mulleres. Séguenlle en número de persoas ocupadas as áreas de biomedicina e ciencias da saúde, as tecnoloxías de deseño e produción industrial e o medio mariño, sendo estas, a excepción das tecnoloxías de deseño e produción industrial, aquelas cun maior peso relativo de mulleres.

O nivel de formación máis frecuente entre as mulleres investigadoras e tecnólogas é o doutoramento (o 32,6% do total das profesionais), mentres que o máis habitual entre os homes, aínda que nunha porcentaxe tan só lixeiramente menor, é o de licenciatura (o 33,1%). En xeral, o nivel de estudos acadado polas mulleres é máis elevado que o dos seus compañeiros. Sen embargo, o 75,3% dos homes, fronte o 56,4% das mulleres, gozan dunha situación de estabilidade laboral e o 25,9% dos homes do sector percibe máis de 2500€/mensuais, fronte ao 15,5% das mulleres que acadan esta retribución. Pola contra, o 11% das mulleres do sector cobran salarios por debaixo dos 900€, fronte o 5% dos homes.

A maternidade e a familia tamén son un factor de desigualdade para as mulleres. Ata os 35 anos a presenza de mulleres é superior á media, mentres que a partir desa idade, esta redúcese progresivamente. O 66,8% do persoal investigador non ten descendencia, porcentaxe que no caso das mulleres aumenta ata o 71,1% . A media de fillos/as para os homes é de 0,68; para as mulleres 0,47.

O 29,1% das mulleres (o dobre que a porcentaxe de homes na mesma situación) afirma ter visto condicionada a súa traxectoria profesional por motivos familiares. A causa máis frecuente é a maternidade, que afecta ao 19,8%. A paternidade só supón un condicionante para o 7,3% dos homes. De feito, a problemática da maternidade fai que máis tarde ou máis cedo as mulleres se cuestionen o seu proxecto de vida e teñan que tomar unha decisión ao respecto: ter ou non ter fillos/as, abandonar ou ralentizar a súa carreira profesional, compaxinar ambas as dúas ou decantarse pola traxectoria profesional.

También te puede interesar