Fai catro meses que entraron a funcionar os dispositivos sanitarios do 061 ao longo do Camiño de Santiago e, dende entón, xa pasaron por eles 1.868 peregrinos, dos que 1.041 recibiron asistencia no punto de atención sanitaria da Casa do Deán e 827 peregrinos se achegaron ao punto de atención do Monte do Gozo. Ambos dispositivos resolveron o 92% dos cadros recibidos, e só foi preciso derivar a un 8% do total aos hospitais.
Por idades, o pico máis elevado rexístrase en persoas entre 20-29 anos, con 456 persoas atendidas, seguido dos peregrinos entre 30 e 39 anos (383 persoas) e dos de 40 a 49 anos (332). Tamén se atenderon a 170 persoas menores de 19 anos, a outras 286 de entre 50 e 59, a 176 entre 60 e 69 anos, e outras 54 maiores de 70 anos.
O dispositivo sanitario de Urxencias Sanitarias para o Xacobeo ten tamén rexistrado a orixe das persoas que acudiron, das que o 78,5% dos peregrinos atendidos son españois. Os madrileños, seguidos dos galegos, son os cidadáns das dúas comunidades que destacan sobre os demais, atendendo aos rexistros do 061. Doutras nacionalidades, os peregrinos que rexistraron máis atencións eran, por este orde, de orixe italiana, alemana, francesa, estadounidense, portuguesa e brasileira, entre outros.
Os motivos de atención máis comúns son propios de longos días e horas camiñando, así como un estilo de vida ao que o corpo non está acostumado. Do total de peregrinos que se achegaron para recibir asistencia aos Puntos de Atención ao peregrino do Monte do Gozo e Casa do Deán, nun 51,6% tratouse de lesións de pel, seguido dun 15,3% de deterioro da deambulación, nun 11,05% de problemas de mobilidade física (escordaduras, tendinites, torceduras…), e o resto de problemas de saúde tratados foron a causa de fatiga, infeccións respiratorias, molestias gastrointestinais…