O Diario Oficial Galicia (DOG) publicou a resolución do 26 de agosto de 2010 pola que se anuncia a licitación, polo trámite urxente e procedemento aberto multicriterio, para a adxudicación do contrato non harmonizado das obras de acondicionamento parcial do edificio para gardaría-escola infantil que estará situado no inmoble “Gota de Leche”. Deste xeito, queda aberto o prazo para que todas aquelas empresas que se atopen en condicións de facelo, poidan optar a encargarse das obras de acondicionamento deste edificio.
O novo centro educativo que, segundo o goberno galego, cubrirá as actuais carencias que hai no centro da cidade, contará con oito unidades e suporá unha oferta de preto de 100 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar investirá 519.554 euros (IVE incluído) que se distribuirán en dúas anualidades . Deste xeito, para este ano 2010 vanse destinar 255.000 euros e para o ano 2011 os 264.554 euros restantes.
O Goberno galego xa tramitou a petición de licenza ao Concello de Vigo na primeira semana do mes de agosto e confía en obtela antes de que remate o ano para o inicio das obras da escola infantil.