A concelleira explicou que poden participar no concurso as persoas de máis de 16 anos, de xeito que terán cabida as creacións da xente máis nova da cidade, e que as obras presentadas (unha por participante), deberán ser orixinais e inéditas. Sinalou que deben facer referencia á Concellería de Igualdade e ao Día Internacional contra a violencia de xénero e contemplar o lema elixido para a convocatoria deste ano “Non o ignores, non o xustifiques, non o escondas”.
A edil destacou que o lema da convocatoria se dirixe a toda a sociedade “para que tome conciencia real” sobre o problema da violencia de xénero. Así, lembrou o asasinato que se produciu a pasada semana en Lugo e ao respecto dixo que o asasinato é “a máxima expresión da violencia machista”. Indicou que no seu tratamento informativo se manteñen determinados estereotipos da discriminación das mulleres, por exemplo nos argumentos que se ofrecen para explicar a súa causa, entre os que figuran os ciumes. Tamén criticou o emprego de “testemuñas irrelevantes” que ao seu xuízo reflicten actitudes “que manteñen as situacións de violencia de xénero”.
En resposta aos medios sobre os últimos datos de violencia de xénero, a concelleira de Igualdade constatou a diminución das denuncias efectuadas, segundo confirma a Unidade de Violencia da Subdelegación do Goberno. Porén, apuntou que é preciso analizar as denuncias do mes de agosto, así como o caso dos asasinatos nos que non hai denuncia previa. Ao respecto, Rosa Fontaíña apuntou que a crise actual pode provocar que as mulleres que sofren esta situación non decidan separarse e indicou que a porcentaxe de mulleres vítimas dos malos tratos que denuncian se sitúa entre o 10 e o 12%.