15 persoas participantes no II Plan Galego de Inclusión Social (II PGIS) asisten dende o luns e ata o 24 de setembro, en O Porriño, a un curso de formación ocupacional de xestión de almacén.
Esta acción formativa, organizada polo Equipo de Inclusión de O Porriño, achegará aos asistentes formación específica relacionada con ese posto de traballo, como almacenaxe e distribución, técnicas de manipulación de mercadorías, manexo e condución de equipos de desprazamento de cargas ou mantemento preventivo básico.
A formación ocupacional é unha das liñas de actuación do II PGIS e constitúese como un instrumento para adaptar a formación ás necesidades das empresas e para proporcionar aos participantes coñecementos cualificados. O obxectivo é mellorar as opcións de atopar un emprego dos participantes. Este curso terá unha duración de 40 horas e impartirase no Multiusos de Torneiros.
Outros instrumentos do II PGIS son prácticas en empresas, cursos con compromiso de contratación ou formación en competencias persoais ou en búsqueda de emprego, accións todas elas que melloran o perfil profesional dos asistentes e, polo tanto, as súas opcións de acceder a un posto de traballo.