Se o curso pasado acabou ben para o Grupo de Ecoloxía e Evolución das Plantas da Universidade de Vigo, este comeza aínda mellor. O vídeo ‘A importancia dos lagartos’ nos ecosistemas das Illas Cíes, que en tres minutos resume catro anos de intenso traballo, fíxose merecedor do The 2010 Multimedia Awards, o premoi do público da prestixiosa revista internacional The Scientist. E o conseguiron pasando por riba doutras 9 propostas finalistas elaboradas por institucións como National Geographic.
O galardón concédese a golpe de clic de rato, xa que se vota a través de Internet. O listón estaba alto: o ano pasado gañou o galardón un traballo de David Attenborough financiado pola BBC. O vídeo da Universidade de Vigo transmite de forma gráfica e sinxela como é a mellora que experimenta na capacidade de xerminar as sementes que pasan polo tracto dixestivo dos lagartos, unha investigación sobre a que o grupo leva catro anos traballando no Parque Nacional Illas Atlánticas.
Nesta mesma liña divulgativa, o grupo está traballando en dous novos proxectos: un vídeo 3D que transcorre no mar e explica algunhas estratexias de adaptación dos organismos mariños e unha actividade flash sobre os efectos nocivos dunha especie invasora sobre os ecosistemas nativos. E todos eles podes consultalos de xeito gratuito na web.