Nova sesión de misterio en Castrelos. A partir deste mes chega unha nova edición do programa ‘Misterio no Museo’ na súa versión outonal, con 13 visitas teatralizadas ao Quiñones de León en outubro e novembro a cargo da compañía de actores ‘Cada día peor’.
Unha das principais novidades desta nova edición serán as sesións diferenciadas por públicos: mentres que nos pases das 20:30 horas haberá un carácter especialmente familiar, nas seguintes os actores permitiranse certos luxos. Para asistir é preciso recoller as invitacións no propio museo en horario de apertura do mesmo ata un máximo de catro por persoa.
Os interesados poderán elexir entre diversas sesións. As visitas serán o 9, 16 e 23 de outubro ás 20:30 e 21:45 horas, así como o sábado 31 cun especial adicado á noite do Samaín (21 e 22:15 horas). En novembro, as teatralizacións serán os días 6 e 20 (20:30 e 21:45 horas) e o venres 13, cunha función especial ás 20 horas para toda a familia pola ‘Noite do terror’.
Só no mes de agosto participaron nesta iniciativa máis de 200 persoas, unha cifra que se espera poder dobrar nesta nova edición.