Tras a decisión da Comisión do Mercado das Telecomunicacións, o Concello de Vigo decidiu manter ilimitadamente as zonas de Internet libre e sen fíos nas Prazas de América e Independencia, no Casco Vello e na zona peonil do Calvario, ao que sumarase Simón Bolívar.
Os servizos municipais estudan igualmente amplialo a outros ámbitos da cidade con alta densidade de población, como Bouzas, Teis, Coia e Balaídos e, nas próximas semanas, colocaranse carteis informativos das zonas WiFi que hai na cidade.
Atendendo aos requisitos da Comisión para ofrecer este acceso: velocidade máxima de 256 kb/seg e que o sinal non chegue ao interior dos edificios, Vigo ofrece este acceso libre coa limitación do uso das redes P2P de intercambio de arquivos e nos contidos inapropiados para menores.
O servizo municipal permite a conexión a Internet a través de teléfonos móbiles, ordenadores portátiles ou dispositivos PDA. Asemade, as liñas á Universidade dos autobuses urbanos de Vitrasa disporán de modo experimental do sistema WiFi gratuito.