O goberno local aprobou hoxe os pregos para a licitación de obras de humanización en dez viais da cidade por valor de 7,2 millóns de euros.
Tras a celebración da Xunta de Goberno Local, o alcalde indicou que o Concello impulsa unha vez máis a humanización dun “gran bloque de arterias viguesas” que chega prácticamnete “a toda a cidade“. Trátase de “viais urbanos de gran importancia na cidade de Vigo“, que iniciarán a súa humanizacións a comezos de xaneiro de 2011 cun prazo de execución previsto de entre tres e catro meses.
Segundo citou Abel Caballero, o goberno local aprobou as humanizacións da primeira fase de Vázquez Varela, con 1,1 millóns de investimento; da rúa Oporto, entre Areal e Rosalía de Castro, por valor de 375.000 euros; de Cangas, con 574.000 euros; Mestre Montes, por 222.000 euros; Couto San Honorato, por 425.000 euros; as primeiras fases de Martínez Garrido -un millón de euros- e de Aragón -2.020.000 euros-; Asturias, cunha partida de 280.000 euros; Salvaterra, con 212.000; e a primeira fase de Ramón Nieto, cun investimento de un millón de euros.
Estas humanizacións corresponden aos orzamentos municipais de 2010, e acabarán co estado de “abandono” no que atopábanse algúns destes viais coma Vázquez Varela, Oporto ou Couto de San Honorato, en Ribadavia.