Máis de 330 persoas entran cada día no Museo da Cidade, que inclúe o Pazo de Castrelos e os xacementos de Toralla e O Castro. Dende marzo, xa pasaron por algunha destas instalacións máis de 60.000 visitas, en parte grazas ao papel do poboado castrexo, o xacemento urbano máis visitado de Galicia e dos máis visitados de España ao superar en tan só seis meses as 24.000 visitas.
Pola súa banda, 12.300 persoas entraron no pazo de Castrelos para coñecelo, 12.200 en Toralla, outras 15.000 persoas visitaron o proxecto ‘Cidade dos soños’, 7.768 a exposición ‘Xoias de Álvarez’ e outras 2.000 acudiron aos concertos nos xardíns do Quiñones de León.
Obras
Mentres, en apenas 10 días comezarán os traballos de mellora no primeiro e segundo andar do pazo de Castrelos de cara a acoller a exposición ‘ O nacemento dunha cidade’ que abrirá en decembro. As obras, que custarán 120.000 euros e durarán un mes, provocarán modificacións nas visitas guiadas das fins de semana. Ademais as obras expostas serán retiradas e, unha parte importante, levadas á Casa das Artes para facer unha exposición coa que dar a coñecer os tesouros de Castrelos.