O ministro de Fomento, presidiu hoxe o acto de colocación da primeira pedra da nova terminal do aeroporto de Vigo, cun orzamento de 56,5 millóns de euros. Xunto ao novo aparcamento, os investimentos en Peinador superan os 100 millóns de euros.
O lucense José Blanco Blanco explicou que a futura terminal duplicará a superficie e a capacidade da actual. O proxecto do Ministerio contempla a ampliación e total remodelación do actual edificio, pasando dos 8.700 metros cadrados actuais aos 26.000 e preparando ao aeródromo vigués para acoller ata catro millóns de pasaxeiros anuais.
O ministro lembrou que a pasada semana abriuse ao público a primeira fase do estacionamento, 800 novas prazas que case que duplican as 879 hábiles ata entón e afirmou que “estamos traballando para potenciar o dinamismo que desprende Vigo e a súa área metropolitana”.
Segundo engadiu o seu departamento licitará antes de rematar o ano a nova estación de Urzáiz, deseñada polo arquitecto Thom Mayne e que acollerá a chegada da Alta Velocidade a Vigo e na que se investirán uns 220 millóns de euros.
Blanco explicou asemade que unha das dúas tuneladoras que excavan o acceso á cidade desde Redondela tivo un problema de carácter técnico que obrigou á súa paralización, pero reanudará o seu traballo esta mesma semana, mentres que a segunda o fará en novembro. O investimento de Fomento para que o AVE acceda a Vigo baixo terra e non en superficie ronda os 300 millóns de euros.
O ministro confirmou asemade que a próxima primavera de 2011 verá o inicio das obras de ampliación da ponte de Rande, para o que xa conta cun orzamento previsto de 70 millóns de euros.