A Xunta de Goberno Local aprobó hoxe das licitacións para a construción do polideportivo de Candeán e do Centro Galego de Fotografía, cun investimento global superior aos 3,3 millóns de euros e anunciou o comezo das obras no mes de decembro.
O novo pavillón de Candeán, de 2.230 metros cadrados construídos, situarase ao carón das instalacións da Asociación Veciñal, e terá tamén unha área deportiva exterior de 2.200 metros cadrados, tal e como demandaron os veciños e veciñas. Terá unha capacidade para 270 espectadores. A planta baixa acollerá a pista polideportiva, de 45 x 25 metros, 4 vestiarios de equipos, 4 vestiarios de árbitros, 4 aseos e unha oficina, así como o ximnasio, de 140 metros cadrados. O polideportivo aberto, pola súa banda, contará cunha área de xogos tradicionais, outra destinada á práctica de baloncesto e fútbol sala e outra de lecer.
No que atingue ao Centro Galego de Fotografía, que se construirá na rúa Chao, terá máis de 1.252 metros cadrados construídos, que se distribuirán en 4 andares. Na planta baixa irá o control de acceso, a administración, unha tenda e unha sala expositiva. Na planta soto estarán os aseos, a área de restauración e outra sala expositiva, que estará unida por unha escaleira a sala anterior, de xeito que permitirá realizar un uso independente destas dependencias do resto do edificio.