
Non, non se trata de ningunha proposición indecente. Polo menos en parte. O Auditorio municipal acolle esta noite (21 horas) unha comedia trepidante de Eme2 Emoción&Arte, ‘Sexo? Por que non?’, unha obra interpretada por Mercedes Castro na que desde Adán e Eva ata os nosos días amósanse situacións cotiás entorno ao encontro carnal.
Unha comedia reflexiva para mozos e maiores cun punto de encontro humorístico para rachar cos tópicos e os tabús. O prezo das entradas: 5 euros.
Os Hoffman levan o seu segredo a Tui
A outra proposta teatral da xornada atópase en Tui. No Teatro Municipal a compañía Lagarta, Lagarta levará a escea a comedia ‘O segredo dos Hoffman’ (21:30 horas), unha obra teatral pola que recibiron este ano catro premios María Casares á Mellor Dirección, á Mellor actriz protagonista, ás Mellor actriz Secundaria e á Mellor música orixinal. Unha adaptación de Alejandro Palomas que conta a historia dunha familia rota por un segredo oculto durante ano, pero que volve reunirse co pasamento da avoa Constanza. Os seus recordos, soños e anhelos describen un universo pechado, de enorme carga emotiva, nun texto coral que debulla unha historia intensa e envolvente.