Unha sentenza do Xulgado do Social número 1 de Pontevedra, contra a que non cabe recurso, vén de confirmar a persecución sindical exercida pola empresa que xestiona o parque comarcal de bombeiros do Morrazo contra o delegado de persoal da CIG. A decisión xudicial considera nula a sanción imposta por Celta Prix a Rubén Fraga ao entender que “se debeu ao intento por parte da empresa de represaliar a activa labor sindical do demandante” e obriga a compañía a abonarlle o salario que deixou de percibir no tempo que durou a suspensión de emprego e soldo.
A xuíza sostén que a sanción de 10 días de emprego e soldo impostos ao cabo bombeiro Rubén Fraga cando era delegado de persoal por supostamente ter cometido unha falta grave ao faltar ao respecto a un superior non está debidamente argumentado no expediente aberto pola empresa, ademais de sinalar que a proba practicada “non indica que os feitos sucederan do modo sinalado na carta de sanción”. Pola contra, sostén que “concorren indicios poderosos acerca da vulneración da liberdade sindical que se alega na demanda” e lembra que “non se trata de que a empresa non poida sancionar comportamentos do traballador cando entenda que incorren en faltas disciplinarias, senón que ten que ser extremadamente coidadosa ao fixar os feitos obxecto de sanción e estes deben de quedar debidamente acreditados”.
O motivo da sanción
O representante da CIG no parque de bombeiros do Morrazo fora sancionado o pasado 11 de maio por supostamente ter “increpado e insultado” por teléfono ao sarxento despois de comprobar que aínda non solucionara o problema existente na caldeira, o que mantiña as instalacións sen auga quente. Fraga presentou unha demanda solicitando a nulidade da sanción e o fallo recoñécese o intenso traballo de mellora das condicións laborais realizado polo representante sindical, ratificadas posteriormente coa apertura de expedientes sancionadores por irregularidades graves por parte da Inspección de Traballo.
Polo tanto, a sentenza declara nula a sanción que o traballador cumpriu entre o 31 de maio e o 9 de xuño deste ano e obriga á empresa a abonar unicamente os salarios que deixou de percibir neste período, tendo en conta que o demandante non solicitou indemnización algunha polos prexuízos sufridos.