Serán 80 minutos de teatro, comedia e humor xestual, todos os ingredientes aos que nos teñen acostumados Yllana. Esta noite (21 horas), a compañía chega ao Auditorio Municipal con ‘Star Trip’, un novo espectáculo no que co seu habitual humor negro, a súa linguaxe universal e sen palabras, penétranos no alucinante e absurdo mundo da ciencia ficción e o espazo.
Os protagonistas son catro intrépidos astronautas que levan 50 anos hibernando dentro dunha nave espacial que vaga polo espazo e que teñen a misión de atopar vida intelixente no universo para, unha vez achada, cargarlla. O espectáculo comeza co espertar da nosa audaz tripulación. A súa loita por dominar unha nave que ten vida propia, o laborioso día a día nela e os diferentes mundos cos que van chocando son o arranque dunha vertixinosa viaxe aos confíns da comedia.
Cunha coidada banda sonora e elaborados efectos visuais, Yllana homenaxea unha serie de xéneros moi queridos pola compañía: ciencia ficción, películas do espazo, terror científico…Producción Yllana naceu en 1991 e dende entón demostra como facer o humor sen palabras. O seu idioma escapa do corpo cunha enerxía desenfreada, un estilo directo que combina enxeño e risco. Calados pero sempre ruidosos, a compañía acelera a linguaxe da onomatopea creando un mundo surrealista e delirante onde todo pode ocorrer.