Dende o martes 13 ata o 23 de outubro 1.600 traballadores poderán acreditar de forma oficial as súas competencias profesionais e acadar un título de Formación Profesional, a través das prazas que a Xunta vén de convocar para a avaliación, o recoñecemento, a acreditación e a certificación da competencia profesional. Poden pedir información en calquera dos centros que impartan ciclos de Formación Profesional.
Con esta iniciativa, Educación quere recoñecer a valía de quen levan anos desempeñando o seu traballo nunha rama laboral específica ou con aprendizaxes adquiridas por vías de formación non regrada, permitindo que poidan obter certificados oficiais da súa competencia profesional e, por tanto, capitalizala. As persoas que acrediten ser merecedores destas prazas recibirán unha certificación oficial que posteriormente poderá ser validada cos módulos correspondentes de títulos de técnico ou técnico superior de Formación Profesional Específica.
A oportunidade vai dirixida a persoas desempregadas ou en activo que conten cunha experiencia mínima de 3 anos completos nos últimos quince anos, relacionada coas competencias que pretenda acreditar.
Esta convocatoria abarca 64 unidades de competencia, integradas en 17 ciclos formativos, de 14 familias profesionais diferentes. O proceso desenvolverase en 11 centros educativos onde os traballadores e traballadoras poden solicitar o recoñecemento, avaliación e acreditación da competencia profesional.
En Vigo, dous centros recoñecerán a experiencia dos traballadores nas familias de Actividades marítimo-pesqueiras e de Mantemento de vehículos autopropulsados. Destes xeito, a acreditación de módulos do ciclo medio en Operación, control e mantemento de máquinas e instalación do buque; e de Pesca e transporte marítimo, serán procesados a través do Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico. Pola súa parte, o CIFP Valentín Paz Andrade xestionará o recoñecemento no ciclo medio de Carrozaría.