Fin de festa de verdadeiro luxo para a fase final do concurso ‘Ao mesmo son’, que se celebra esta noite na Sala Infierno coa actuación do grupo folk Berrogüetto e dos vigueses The Crass e os catro finalistas: JIT, Romasanta, Ataraxia e Vacalouras, que terán de subirse ao escenario diante dun xurado disposto a anotalo todo para decidir quen se leva os tres primeiros premios.
Quince temas presentaron a súa candidatura a un concurso co que o concello quixo conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero e implicar aos moxos na loita contra esta lacra social. Por iso os temas, solistas e grupos con estilos que van dende o hip-hop ao pop rock, tiñan que presentar como tema principal a igualdade entre homes e mulleres e a violencia de xénero.
Trala selección dos temas a través da votación popular en Myspace e Facebook, agora decídese quen é o gañador, que se levará un premio de 500 euros, mentres que o segundo percibirá 300 e o terceiro 200 euros.