O alcalde fixo entrega das licenzas de primeira ocupación das 192 vivendas de protección que promove a Federación de Veciños “Eduardo Chao” en Navia. Abel Caballero indicou que nas últimas semanas o Concello deu autorizacións a 720 pisos protexidos na cidade, sumados os que promove o sindicato UGT, os do Instituto Galego de Vivenda e Solo e os da Federación Veciñal; “720 vivendas libres de especulación”.
Xunto ás 720 vivendas, o alcalde indicou que o Concello recibiu definitivamente as obras de urbanización da segunda fase de Roteas, 47 vivendas de promoción pública que están “a punto” de obter licenza de primeira ocupación.
Caballero asegurou que o goberno local traballa para resolver os problemas restantes nas vivendas de Barreiro promovidas pola FAVEC. Os propietarios acordaron con FENOSA e o Concello está a solventar un problema cun transformador; dificultades ambas que causaron que “100 vivendas que innecesariamente tiveron que sufrir unha etapa difícil debido á ausencia de subministro eléctrico“.
O alcalde anunciou que o Concello porá en aluguer en réxime de protección a gran maioría das 38 vivendas de promoción autonómica en Navia que lle corresponde á administración municipal. Segundo explicou, algúns destes pisos serán destinados a realoxos e o resto serán dispostos polo goberno local para dar resposta á “moita demanda” existente de aluguer en Vigo, en particular entre a xuventude. Caballero avanzou que realizarase unha lista de demandantes para proceder ao concurso das vivendas.