Case a metade considera que nos últimos anos as súas condicións de vida melloraron en Galicia e cren que a inmigración é boa para a economía, opinión que comparten os españois. Son un avance das conclusión ás que chega o ‘Barómetro da Inmigración Galicia 2010’, que recolle a visión xeral que a poboación galega ten ante este fenómeno e a perspectiva dos estranxeiros residentes na comunidade. Feito pola Xunta de Galicia, o barómetro recolle a opinión sobre temas como o trato habitual entre españois e inmigrantes, os plans de futuro dos estranxeiros para establecerense definitivamente en Galicia ou se as condicións de vida son mellores que no seu país de orixe.
A percepción sobre a realidade cambia dependendo de se o enquisado é galego ou estranxeiro: mentres que o 51% dos nativos asegura que é tolerante cos inmigrantes, eles só perciben isto nun 25% dos casos; e se o 57% dos españois consideran que os inmigrantes están moi integrados, a porcentaxe baixa ata o 47% cando se lle pregunta a eles. Ademais outro 47% considera que está pouco integrado. Os que mellor encaixan, latinos, cidadáns de Europa do Leste e africanos.