Galicia

Requisados 800 aparellos e 2 toneladas de peixe a furtivos nunha semana

En sete días o Servizo de Gardacostas requisou 1.843 quilos de diferentes especies e 771 aparellos de pesca tras operativos de inspección en seis rías galegas (A Coruña, Arousa, Corme Laxe, Ferrol, Pontevedra e Vigo). Este foi o resultado de diversos operativos contra o furtivismo realizados dende o pasado venres polo servizo de inspección pesqueira da Xunta de Galicia.

A ría de Pontevedra foi onde os Gardacostas comisaron maior cantidade, con 39 quilos de vieira, 504 de ameixa xapónica máis pequena do tamaño regulamentario e 16 pezas de nécora ovada que foi devolta ao mar. Ademais, quedáronse con 2 quilos de ameixa rubia de talla pequena no mercado de abastos, 41 nasas, unha embarcación e unha furgoneta.

En Corme, os gardacostas comisaron case 268 quilos de distintas especies de marisco, 33 de percebe e 353 de centola, ademáis de 218 nasas de centola e polbo con 16 quilos dentro, 5 viveiros de centola e nécora e 3 palangrillos de 200 anzois con 158 quilos de congro. Xa na ría de Arousa o que se decomisou foron 139 quilos de polbo, nécora, centola e peixe variado, 131 quilos de vieira por exceso de cupo e 4 quilos de ameixa e mexillón sen documentación, xunto con 110 nasas e 228 pezas de miños.

También te puede interesar