No que vai de ano, 395 mulleres vítimas da violencia de xénero solicitaron en Galicia algunha achega económica coa que axudarlles a saír da situación na que se atopan. En total case dous millóns de euros desembolsados pola Secretaría Xeral de Igualdade para o coñecido como salario da liberdade e outras dúas indemnizacións.
No salario da liberdade, unha axuda de carácter periódico, invertíronse 1,7 millóns de euros tras dúas ampliacións de crédito para pagar a preto de 369 mulleres das 419 solicitudes presentadas. A maior parte das achegas foron a parar á provincia de A Coruña (151), seguidas de Pontevedra (116), Ourense (57) e Lugo (45).
O pagamento único establecido no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004 tivo este ano un orzamento de 175.000 euros e concedéronse 24 axudas, a maioría para a provincia de A Coruña (18), seguida de Pontevedra (5), Lugo (3) e Ourense (2). En canto ás axudas do Fondo Galego de Garantía de Indemnizacións, houbo 5 solicitudes, aínda que só se outorgaron a dúas mulleres por un total de apenas 8.000 euros dos 60.000 reservados.