Se un dos teus propósitos para o ano novo é alugar unha vivenda, toma nota disto: a Xunta concederá en 2011 axudas ao alugueiro por un importe de 10,8 millóns de euros, o 83% para os inquilinos, ao abeiro do programa Aluga. Dentro destes cartos, destinaranse 300.000 euros para subvencionar gastos derivados do alugueiro e 600.000 para obras de reforma.
Para acceder a estas axudas os inquilinos teñen que firmar o contrato de alugueiro no marco deste programa da Xunta e solicitar a axuda nos dez primeiros días do mes en efecto do contrato asinado ou da prórroga do anterior. E para iso non se pode ter uns ingresos anuais superiores a 3,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples nin ser titular doutra vivenda. As axudas oscilarán entre o 30 e o 70% do custe mensual do alugueiro ou ata o 80% no caso de mulleres vítimas de violencia de xénero.
Outros supostos
Os propietarios tamén poden pedir estas axudas para subvencionar obras que se consideren necesarias para garantir a habitabilidade da vivenda no informe técnico de inspección, e cubriría ata o 75% do custe ata un máximo de 3.000 euros para vivendas con menos de 10 anos e de 5.000 para as máis antigas. Ademais, tamén se poderán pedir axudas para afrontar outros gastos da vivenda, como ata o 50% do IBI cun máximo de 100 euros por ano e vivenda.