Aos pais de Ponteareas seguen sen saírlle as contas. A Anpa Pena do Equilibrio, tras a última folga de inasistencia a clase, pediu a dimisión do xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, pola “incapacidade para solucionar os problemas” na zona, onde 17 nenos quedaron sen praza para este curso no colexio Ramiro Sabell e onde o CEIP Fermín Bouza Brey supera en 300 alumnos o aforo permitido.
A falta de documentación tamén ten paralizado o servizo de comedor, xa que ademais de faltar o mobiliario de cociña incúmprense as normas de seguridade e hixiene nun colexio, o Mestre Ramiro Sabell, no que a ampliación que costou preto dun millón de euros ía a habilitar seis aulas e un comedor con cociña.
Uns problemas que parecen agravarse cando a Xunta ven de anunciar que construirá 25 novas escolas infantís con 1.074 novas prazas para este ano, ninguna delas en Ponteareas. Nestes intres a escola infantil ten 130 prazas que só dan cobertura ao 13% da poboación infantil de 0 a 3 anos, cando a media galega é do 26%.