Galicia

A CIG califica de vergoñento o pacto asinado polo Goberno, CCOO, UGT e a Patronal

Acuerdo MoncloaA CIG considera un exercicio de cinismo e un gran engano á cidadanía a posta en escena este mediodía da sinatura do “Acordo económico e social para o crecemento, o emprego e a garantía das pensións”. Para a central sindical este acordo, que contempla as propostas saídas do goberno e a patronal, supón unha clara entrega do sindicalismo estatal ao poder, mais non terá repercusións relevantes nin na saída á crise nin na xeración de emprego.A Confederación Intersindical Galega califica de insultante que se pretenda vender esta sinatura, escenificada hoxe na Moncloa, como unha medida que vai favorecer aos parados e pensionistas, cando o acordo se caracteriza por plasmar as propostas defendidas polo goberno e a patronal. “Curiosamente un pacto destas características, supostamente en contra da crise e para crear emprego, non toca aspectos fundamentais para encetar un cambio de modelo”, denuncia o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo.

A este respecto, subliña que todas aquelas materias que supoñen cuestionar as políticas económicas, sociais e laborais postas en marcha e que beneficiarían á clase traballadora queda á marxe deste acordo. “Estamos ante un pacto que é unha entrega clara do sindicalismo estatal ao poder e que en nada favorece á clase traballadora, nin á creación de emprego nin á saída da situación de crise económica”, denuncia.

En canto ás cuestións recollidas no documento, Seixo criticou os dous aspectos estrela das políticas activas de emprego: o contrato a tempo parcial bonificado para menores de 30 anos e as axudas vinculadas á formación para os parados/as que esgotaron as prestacións.

No primeiro punto, a CIG entende que esta bonificación supón un novo mecanismo destinado a facilitar man de obra barata para a patronal. Xa que se o empresariado precisa de contratar traballadores/as, por lóxica ía realizar igual este tipo de contratos que non tiñan por que estar subvencionados nin ser a tempo parcial.

No relativo á axuda do 75% do IPREM para parados de longa duración que esgotaron as prestacións, a obriga de participar en cursos de formación limitará o acceso ás mesmas. Na práctica, con esta medida as organizacións sindicais españolas aceptaron a desaparición da axuda dos 426 euros a cambio de asumir unha prestación vinculada á realización de cursos de formación, que á súa vez dependerá de que a propia administración oferte os citados cursos.

 

Te podría interesar