Vigo al minuto

Oito claves para predicir a deslocalización das auxiliares da automoción

Jesús Lampón, autor da tese de doutoramento sobre as auxiliares da automoción.
Jesús Lampón, autor da tese de doutoramento sobre as auxiliares da automoción.

Noemí Rey/Duvi/ Nun momento no que os fabricantes de coches fan fóra da factoría o 70% do vehículo para reducir custos, as auxiliares da automoción entran nunha loita encarnizada por facerse coas pezas, sobre todo porque nesta guerra os seus principais inimigos son as outras fábricas da mesma empresa. Algunhas pistas sobre as claves do éxito ou do fracaso, de que a auxiliar se deslocalice ou non, agora están na man do profesor Jesús Lampón, que na súa tese de doutoramento creou un modelo matemático que valora a continuidade das empresas a través de tan só oito variables: o custe da man de obra, o número de plantas alternativas que a propia empresa teña noutros países, a produtividade, a complexidade do produto ou do proceso, as condicións loxísticas, as estratexias da empresa e a procedencia do capital.

O proxecto de investigación, que comezou no ano 2005, recolleu información de 153 empresas que continuaban coa súa actividade e doutras 33 que marcharon entre 2001 e 2008 e que provocaron a perda de 9.300 postos de traballo. A partires de aí construíu un modelo que pode “predicir o futuro” cunha probabilidade porcentual que atinou no 90% dos casos e que deixou datos tan esperanzadores como que Vigo atraeu a máis empresas de compoñentes para a automoción durante os últimos anos das que fuxiron a outros países: deslocalízanse 3 ou 4 empresas ao ano, pero tamén hai moitos retornos “que xeraron máis emprego do que se levaron: abandonaron as súas plantas viguesas Valeo, Draka ou Treves, pero chegaron Benteler, Faurecia, Antolín, Denso… e non hai comparación en número de empregados”. Para mostra, un botón: só hai que ver as últimas novas sobre as incorporacións da multinacional SNOP ao Porto do Molle de Nigrán ou a posibilidade de que a fábrica de baterías de Mitsubishi se instale no Parque Tecnolóxico de Salvaterra-As Neves. “Se unha fábrica ten 8.000 empregados, as auxiliares de compoñentes duplican ou triplican o número. Porque ten que quedar claro que a crise provoca peches, non deslocalizacións”, apunta Lampón.

Consellos

As conclusións apuntan directos a xestores e responsables de políticas públicas. Para os primeiros o consello é sinxelo: ser produtivos. “Se unha planta é intensiva en man de obra, o seu futuro a curto ou longo prazo está claro, non hai viabilidade, e se é unha multinacional o xerente pouco pode dicir na estratexia porque as decisións tómanse na empresa matriz. O que ten demostrado o modelo é que canto máis produtivo es menos risco tes de deslocalizarte. ¿Que pode facer un xerente? Implantar todas as medidas ou estratexias que poidan favorecela e obter un maior valor engadido por unidade de empregado ou por actividade operativa”, recorda Jesús Lampón.

Outra cuestión importante é a onde van parar os cartos públicos cos que se pretende axudar ás empresas en tempos de crise. Os estudos apuntan a que a influencia das políticas públicas sobre os efectos da deslocalización son máis ben escasos porque “fanse mal, xa que as axudas chegan cando a decisión xa está tomada e o único que fan é retrasar ou obstaculizar o peche”. E como as axudas non son infinitas debe escollerse moi ben a quen se lle dan: as plantas intensivas en man de obra acabarán marchando e as que teñen condicións de entrega ligadas a algún fabricante quedarán. A idea é reforzar aquelas empresas que precisan moita tecnoloxía de proceso para a fabricación dos produtos, aínda que tendo en conta que hai multinacionais cos recursos financeiros e de investigación suficientes para transferir a súa tecnoloxía dende o seu centro de I+D a calquera parte do mundo. “Entón, a quen lle dou as axudas? Hai moitas plantas ou empresas pequenas que non teñen capacidade para investir en manter o seu nivel tecnolóxico para competir con grandes multinacionais ou no nicho de mercado no que se colocaron. Ademais crea postos de traballo de alto valor engadido”, recorda Lampón.

As empresas acaban nos países veciños

A investigación desvela tamén aos empresarios que os verdadeiros inimigos están á volta da esquina porque os que marchan “fano preto. China e México son circunstanciais, xa que normalmente van cara Marrocos, Túnez ou os países do Este, que están moi cerca do mercado europeo ao que serven”. Sobre todo cando neses países hai fábricas da mesma empresa. De feito, das 33 plantas deslocalizadas estudiadas só seis marcharon da contorna de España. Ademais, o 15% destas marchas non provocou o peche da fábrica, senón que só afectou a algún dos produtos ou a algunha parte do proceso.

También te puede interesar