Se onte o voceiro municipal do PP aseguraba que o goberno local tería que ter aprobado “125 ámbitos urbanísticos en 3 meses e non aprobó nen un”,
hoxe o delegado de Urbanismo, informou que hai 5,5 millóns de metros cadrados os ámbitos urbanísticos iniciados en Vigo co novo Plan Xeral, que inclúen máis de 10.000 vivendas protexidas.
José Mariño botou man do informe do Director de Planeamento e Xestión da Xerencia de Urbanismo que certifica os 40 ámbitos que comezaron a súa tramitación e suman 18.900 vivendas en total, das que 10.619 son de protección oficial. A documentación aportada indica que estes ámbitos incorporan asemade 520.000 metros cadrados de espazo para usos dotacionais (escolas infantís, centros de día, etc) e outros 740.000 de zonas verdes.
José Mariño amosouse “moi satisfeito” polo grao de desenvolvemento urbanístico que presenta Vigo ao abeiro do Plan Xeral en vigor, sobre todo atendendo á crise económica e financeira actual. A este respecto, o edil explicou que unha cidade como San Sebastián ten iniciado a quinta parte dos metros cadrados en tramitación de Vigo.
O delegado lembrou que cada avance nalgún dos ámbitos recollidos no PXOM acude semanalmente aos Consellos da Xerencia de Urbanismo -onde participan todos os grupos políticos- e están expostos ao público na web municipal.