Evitar os roubos de cobre. É o que pretende o Concello de Salceda de Caselas coa substitución do cableado de alumeado público de cobre polo de aluminio, un cambio que se vai producir en varias fases segundo a dispoñibilidade económica das arcas municipais. Na primeira tanda substituiránse 7 quilómetros en zonas onde os ladróns xa deixaron sen alumeado aos veciños, sobre todo no rural: Entenza, Budiño, Soutelo e Parderrubias serán as primeiras parroquias en beneficiarse do cambio, xa que son as zonas nas que máir furtos houbo.
Trátase dunha “solución a curto prazo, xa que o prezo do aluminio é considerablemente inferior ao do cobre e moito máis difícil de fundir para vender”, segundo explicou Fortunato Álvarez, concelleiro de Vías e Obras. O concello pide aos cidadáns paciencia con estes cambios, que se desenvolverán no periodo máis breve de tempo posible. Con esta iniciativa o Goberno municipal trata de que nestes tempos de crise os investimentos que se fagan na localidade non sexan roubadas.