Curiosidades Galicia

A Ribeira Sacra poderá ter o turista perfecto

Proceden principalmente de Barcelona, Madrid e Galicia. Buscan estar en contacto coa natureza, afastarse da tensión e coñecer lugares novos e valoran moi especialmente a sensación de seguridade, o ambiente tranquilo e a hospitalidade. Estas son as características dos turistas que se achegan a un enclave como a Ribeira Sacra, turistas obxecto de estudo do investigador Roberto Carballo, que na súa tese de doutoramento intentou crear unhas pautas para que o rural aproveite a súa vantaxe competitiva no crecente interese polo turismo vencellado á natureza. Para acadar un visitante satisfeito, que recomende a experiencia e que repita, o investigador salienta un factor clave: o traballo conxunto de todos os axentes socioeconómicos (cidadáns, xestores, empresas e institucións).

A tese xurde da idea de contribuír ao desenvolvemento de “alternativas económicas nos espazos rurais” e a elección da Ribeira Sacra, a cabalo entre Lugo e Ourense, era clara: ten un gran atractivo paisaxístico, ecolóxico e patrimonial, pero moi afectado pola perda e envellecemento da poboación e onde só un 6% da poboación traballa en hostalaría, dato indicativo de que o turismo aínda presenta un peso reducido no tecido produtivo da zona.

También te puede interesar