O Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir) de Salceda de Caselas deu por rematada a súa labor tras a expiración dos contratos dos seus membros despois de 6 meses e medio dun gran traballo. O equipo, subvencionado pola Xunta, estaba composto por 12 persoas, tres deles capataces, e caracterizábase pola “súa versatilidade á hora de realizar tarefas preventivas e a súa dispoñibilidade en momentos de emerxencia”, como asegurou o concelleiro de Urbanismo, Vías e Obras e Servizos Municipais, Fortunato Álvarez.
Entre as súas actuacións destacan as asistencias a accidentes de vehículos (37) e a extinción de incendios (15). Ademais participaron na inundación de baixos, na retirada de árbores caídas en vías públicas, na recollida de animais abandonados, na axuda en accidentes laborais, no control e axuda de eventos festivos, culturais e deportivos do Concello, Asociacións e Comisións de Festas ou no mantemento de instalacións municipais. Tamén foi importante a súa colaboración nas limpezas e desbroces para a prevención de incendios forestais e limpezas de cunetas, camiños, zonas deportivas e de esparcemento co obxeto de evitar inundacións.
Coa súa marcha a Xunta deixa sen este servizo de Grumir ao concello durante alomenos seis meses, polo que aseguran que vai ser difícil manter os servizos.