Estará en el antiguo edificio de los juzgados, que se reformará completamente
Leer másNon sexas tímid@, ensina a túa camelia
As persoas que desexen participar na XLVII edición do Concurso-Exposición da Camelia, organizado polo Concello de Vigo en colaboración coa Zona Franca, teñen xa aberto o prazo para formalizar as súas inscricións nun certame que terá lugar os días 26 e 27 de febreiro nas instalacións do Consorcio da Zona Franca de Vigo- Peirao de Bouzas. Tal e como recollen as bases do concurso poderán concorrer todas as persoas maiores de idade interesadas na camelia, profesionais ou afeccionados, nacionais ou estranxeiros, persoas físicas ou xurídicas, sempre e cando realicen a inscrición en tempo e forma. As inscricións presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Vigo ate as 13:30 horas do 21 de febreiro e poderán presentarse flores pertencentes a calquera especie ou variedade de camelia así coma calquera híbrido.
Establécense diversos premios entre os que destacan o Camelia de Ouro, para o concursante que presente o conxunto de variedades máis destacado en canto a número e calidade das flores ou o Premio Especial Antonio Odriozola, que se outorgará á flor individual máis destacada de todas cun máximo de cinco variedades. Ademais haberá tamén premios aos mellores lotes das modalidades Camelia reticulata de calquera cor ou variedade ou híbridos de camelia así coma dous premios para os mellores lotes das modalidades Camelia japónica branca, camelia japónica rosada ou doutras cores, japónica vermella, xaspeada ou variada e outras especies de camelia. As bases do concurso prevén tamén dous premios á mellor presentación artística e un premio especial da Sociedade Española da Camelia. Co obxecto de que os premios sexan distribuídos entre un maior número de concursantes un/unha mesmo/a concursante non poderá obter máis de dous premios.
Para aqueles cultivadores que non desexen participar no concurso pero que queiran amosar as súas flores a organización habilitará unha mesa especial para eles. As actividades arrancarán o sábado 26 de febreiro as 09:00 horas coa recepción de concursantes e inicio da montaxe e prolongarase durante todo o día. As 18.30 horas está prevista a apertura ao público da exposición e a lectura do ditame do xurado. O domingo a exposición abrirase as 10:00 horas e ás 10:15 horas terá lugar a presentación do mataselos conmemorativo. De feito desde esta hora e ata as 14:00 persoal de Correos estará no recinto para mataselar cartas co cuño creado especificamente para conmemorar esta celebración. As 12:00 horas terá lugar o acto central de entrega de premios ao que seguirá a actuación da Escola Municipal de Danza e Percusión Tradicional do Concello de Vigo. As portas pecharanse, ao igual que o sábado 26, as 21:00 horas.