Duvi/ Unha cita mensual con expertos mundiais nos diferentes eidos da ciencias e tecnoloxías mariñas, así se concibe o ciclo de conferencias do Campus do Mar, unha actividade que arranca este xoves co relatorio da doutora galega Débora Iglesias, profesora do Centro Nacional de Oceanografía de Southampton, ao sur de Inglaterra. Baixo o título ‘Ocean acidification: life in a high CO2 world’, a doutora Iglesias falará dos seus traballos sobre como a elevada concentración de CO2 na atmosfera causa a acidificación e o descenso do pH do océano.
A conferencia poderá seguirse ben dende o salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais ou en directo a través da webTV do Campus do Mar, páxina dende a que tamén se poderá interactuar coa conferenciante a través dunha canle chat. Ao longo da súa carreira Débora Iglesias, bióloga viguesa emigrada ao Reino Unido, compaxinou o seu traballo investigador co docente co fin de mellorar o coñecemento das interaccións entre os produtores primarios e os ciclos bioxeoquímicos globais. Os seus logros débense a un traballo interdisciplinar e ao desenvolvemento de ferramentas moleculares de aplicación en oceanografía.