Ciencia y Tecnología Galicia

O risco de sufrir anorexia ou bulimia multiplícase por 17 nas mulleres

Duvi/ Trastornos alimentarios como anorexia e bulimia están comunmente asociados á adolescencia, pero os estudos reflicten unha realidade lixeiramente diferente: a maior incidencia dase entre os 25 e 34 anos. Estes datos son resultado do estudo realizado por Alejandra Larrañaga na súa tese de doutoramento, na que determinou por primeira vez en Galicia e en España a incidencia acumulada de trastornos de conduta alimentaria (TCA) nun estudo poboacional de ambos sexos e nun rango amplo de idade. Os picos entre os 25 e 34 anos chegan a 5,2 casos por cada 100.000 persoas ao ano, mentres que no rango de 15 a 24, o dato é de 4,4 casos.

No que se refire á diferenza por sexos, a incidencia acumulada de TCA en mulleres é de 26 casos por 100.000 habitantes ao ano mentres que en varóns é de 1,5 casos, 17 veces menos. Precisamente sobre a posibilidade de que a incidencia destas enfermidades aumente entre os homes, a autora explica que “o presente traballo servirá como datos de referencia para que futuros estudos poidan determinar as variacións da frecuencia destas anomalías na nosa poboación”. No caso dos varóns, a investigadora explica que “vimos casos de varóns que padecían principalmente anorexia nerviosa e trastornos de conduta alimentaria non especificados”.

O obxectivo deste estudo é determinar as características epidemiolóxicas dos TCA e as súas formas clínicas de anorexia nerviosa e bulimia nerviosa e trastornos da conduta alimentaria non especificados en Galicia. Ademais tratábase de analizar a resposta ao tratamento dos pacientes con este tipo de enfermidades. Para iso, o traballo dividiuse en dous subestudos, “un epidemiolóxico de carácter observacional, prospectivo e descritivo e outro que é clínico, de carácter prospectivo de intervención terapéutica. Os resultados globais do estudo falan dunha prevalencia de TCA de 82,8 casos por 100.000 habitantes, son 18,6 casos de anorexia nerviosa; 25,7 de bulimia nerviosa e os restantes 38,3 de trastornos da conduta alimentaria non especificados. Atendendo á diferenza por sexos, a prevalencia de TCA en mulleres é de 151,5 casos e 8,4 en varóns por cada 100.000 persoas.

O estudo afonda tamén nos datos de evolución dos pacientes con estes trastornos e amosa uns datos que falan dunha porcentaxe de curación do 39,2%, de recuperación parcial do 53,5% e de cronificación do 7,1%, sendo o índice de mortandade de 0. Neste proceso de mellora, o tempo tamén foi unha variables estudada. Segundo apunta a doutora Larrañaga, “o tempo medio de curación nos tres grupos (anorexia, bulimia e trastornos non especificados) foi de entre 17,6 e 9,2 meses no primeiro caso; entre 24,8 e 27,3 para o segundo grupo e entre 17,7 e 6,2 no último”, destacando unha tendencia a un maior tempo de recuperación no caso das persoas con bulimia nerviosa.

También te puede interesar