De madrugada e en plena estrada. Axentes do Grupo ERPOL e o Servizo de Gardacostas da Consellería do Mar, realizaron de madrugada un dispositivo de vixilancia no que se incautaron 1.700 quilos de ameixa procedente de Portugal que se pretendía introducir en Galicia para a súa comercialización como ameixa galega. Os axentes estaban a controlar o transporte por estrada desta falsa ameixa galega cun dispositivo estático de control ás 04:00 horas na ponte internacional próxima a Tui dirección Galicia, cortando un carril da autovía.
Os axentes inspeccionaron preferentemente camións e furgonetas tipo isotermos, así como algúns turismos sospeitosos, levantando dúas actas de infracción a un camión e unha furgoneta que levaban, respectivamente, 1.350 e 350 quilos de ameixa xapónica procedente de Portugal. Toda esta mercadoría comisada non posuía documentación que amparase a súa procedencia e foi destruída por non estar depurada e por descoñecer a zona extractiva. Ademais do marisco, a operación saldouse con 66 persoas identificadas, 44 vehículos rexistrados e 26 actas de inspección.