Duvi/ Novas oportunidades que veñen da man do Campus do Mar, da acuicultura, da enerxía eólica mariña ou do turismo de cruceiros, pero tamén importantes vaivéns na construción naval, no emprego marítimo ou nos problemas aínda pendentes en temas de seguridade marítima e tratamento da calidade augas. Son algunhas das reflexións que se recollen no libro ‘Unha estratexia marítima para Galicia’, un traballo coordinado polo profesor Manuel M. Varela no que se reúnen as achegas de 16 especialistas do mundo do coñecemento relacionado coa economía e co mar procedentes das tres universidades galegas, do Instituto Español de Oceanografía e do Museo do Mar.
Elaborado coa colaboración da Zona Franca de Vigo, o libro xurdiu coa idea de contribuír a un maior coñecemento do mar e da realidade a el asociada. “Partimos da idea de que o mar é un factor diferenciador para Galicia e unha oportunidade para o seu desenvolvemento. Temos unha tradición económica, social e cultural vinculada ao mar, pero, sobre todo, seguimos mantendo na actualidade unha actividade significativa nesta dirección”, subliña Manuel M. Varela. Insistindo en que, tanto en ámbitos científicos como económicos, se afianza a idea de que os océanos encerran moitas oportunidades para o desenvolvemento económico e para a sostenibilidade, Varela subliña que “Galicia ten un bo punto de partida pero o éxito a medio e longo prazo conseguirase se hai unha dinámica sólida e continúa”.
Un valor estratéxico que se sustenta en catro eixes
O valor do mar, a xuízo destes autores, se sustenta en catro eixes básicos: o coñecemento científico, a dotación de medios humanos e empresariais, a xestión e a favorable posición de Galicia na fachada marítima atlántica. “No que a coñecemento científico se refire Galicia ten unha boa base de partida cos seus centros e programas de investigación”, subliñou Varela, ao tempo que recalcou a importancia de contar con moitas empresas con experiencia e coñecementos en diferentes actividades relacionadas co mar. “Ademais, o desenvolvemento, actuación e revisión permanente das políticas marítimas para mellorar a xestión e adiantarse, no posible aos problemas que poidan formularse resulta básico”, engadiu.
O Campus do Mar e o seu recoñecemento de Excelencia apareceu no intre no que o libro xa estaba a piques de estrearse pero, aínda así, “xa quixemos deixar constancia de que Vigo estaba chamada a liderar este proxecto, o que é un reflexo do potencial investigador, de transmisión de coñecementos, de formación… que ten Galicia e, iso, é unha das cuestións que interpretamos como básica na estratexia que se debe seguir”. Ademais, desde o seu punto de vista, este proxecto é tamén un indicador da vocación de promoción externa “necesario para un escenario internacional, onde, sen dúbida, se vai a xogar o desenvolvemento futuro”.