Comarcas

O BNG, a candidatura do “compromiso social” con Salvaterra

O candidato do BNG á alcaldía de Salvaterra, Gabriel Martínez.
O candidato do BNG á alcaldía de Salvaterra, Gabriel Martínez.

Busca ser a nova cara que lidere o concello, capaz de “gobernar para todos e non só para uns poucos”. Por iso o BNG acaba de poñer como cabeza de lista para as municipais de maio a Gabriel Martínez, candidato a alcaldía de Salvaterra de Miño cun equipo de igualdade, experiencia e “capacidade de xestión”. Arroupado por un número importante de veciños e de membros da Executiva nacionalista, Martínez debuxou un programa electoral baseado nos “compromisos de cambio e xestión política para o futuro. Emprego, o plan xeral, os servizos sociais e a educación serán os eidos centrais da nosa xestión”, recoñeeu.

O Porto Seco como xerador central de emprego ou o apoio ao comercio local ou ás iniciativas económicas baseadas nos recursos forestais e agrarios son algunhas das iniciativas que tentarán pór en marcha. “O BNG ten propostas para o sector do viño e para a horta e apoiará un turismo rural de calidade, aproveitando recursos como o río Miño, a proximidade a Portugal, a gastronomía, o potencial do viño e o noso riquísimo patrimonio cultural”, asegurou o candidato do BNG de Salvaterra.

Unha das prioridades do BNG é o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), afirmaba rotundamente “fomos os que pulamos polo Plan Xeral e seremos nós os encargados de redactalo a partir de maio”, tendo en conta á sociedade. Outra das grandes prioridades do goberno do BNG é o benestar dos veciños e veciñas, especialmente dos maiores: “Traballaremos arreo na posta en marcha de novos servizos sociais de calidade, como unha nova escola infantil, o centro de día, a mellora nos servizos de transporte, a atención os dependentes e discapacitados, e na dinamización das parroquias”.

También te puede interesar