Un millar de asociados vencellados ao pequeno e mediano comercio que traballan de xeito conxunto para intentar solucionar todos os problemas que afronta o sector tanto coa crise como con outros aspectos, como a proliferación das grandes superficies ou as obras. Por iso a Federación de Comercio de Vigo, Fecovi, presidida por Encarna Álvarez, levará a Medalla da Cidade.
A concesión aprobouse esta mañá nun pleno no que tamén se respaldou por unanimidade a concesión do nomeamento de sete Vigueses Distinguidos: a Asociación de Directores de Colexios Públicos, pola súa busca incansable de melloras; o Banco de Alimentos, que reparte 35 toneladas de alimentos na cidade; Cipriano Jiménez Casas, pola súa labor ao fronte de entidades como a Fundación Menela, Agatapi, Sálvora ou Autismo Galicia; o Club Maniotas, polos seus 25 anos de éxitos deportivos no ámbito da ximnasia rítmica; a Agrupación de Centros Deportivos e Culturais, por difundir cultura durante 25 anos coas 23 entidades que a integran; a Unión Musical de Valadares, con máis dun século de vida; e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, que contou coa oposición do PP.