Coas notas do concerto do quinteto de vento da Orquestra Clásica de Vigo soando de fondo fóronse enchendo as butacas dun Centro Cultural Novacaixagalicia ateigado para homenaxear aos seus vigueses máis distinguidos. Unha Medalla da Cidade para os comerciantes que recollía Encarna Álvarez, presidenta de Fecovi, e o nomeamento de vigueses distinguidos a sete entidades que recollen todos os eidos dunha cidade tan vitalista como Vigo: Asociación de Directores de Colexios Públicos, Banco de Alimentos, Cipriano Jiménez, Club Maniotas, Agrupación de Centros Deportivos e Culturais, Unión Musical de Valadares e Plataforma en Defensa da Sanidade Pública.
Unha cidade que xa nos albores da súa historia deixou albiscar “o orgullo, a ilusión e o carácter” dos seus cidadáns, capaces de botar ao exército napoleónico das súas rúas loitando con paos e pedras e que nunca deixou de liderar o avance de Galicia en economía, industria, peso financieiro, emprego e mesmo poboación, “sendo cidade de innovación e do talento”, como recordou durante as súas verbas o alcalde de Vigo, Abel Caballero.
Desde 1988 Vigo distingue aos seus mellores cidadáns cunha primeira Medalla da Cidade que recaía en Francisco Fernández del Riego. Hoxe, coa crise no punto de mira dos protagonistas da noite, Caballero apelou por aunar esforzos e entablar alianzas para acadar emprego, atención social, economía, industria e benestar nun “tempo de sumar e de crear, non de destruír e de restar”, como viu facendo ata o de agora a cidade. “O orgullo é a nosa carta de presentación ante a crise e ante o futuro, a ilusión é a nosa enerxía, e o carácter o noso aval”, recordou o rexidor. Rescate de valores para mellorar a cidade.
Un orgullo que inevitablemente vai unido ao sentir dos colores célticos, á paixón polo Celta, que quedou plasmada na lectura lo Bando Institucional por parte do presidente do clube vigués, Carlos Mouriño. Un percorrido pola historia da cidade e do clube, fusión do Vigo e o Fortuna a pesar da oposición que conseguíu levantar un símbolo de unión, “un valor que fomentou ao longo da súa vida. Moitas xeracións de afeccionados, moitas celebracións multitudinarias, pero tamén moitas tardes de pesar e sufrimento. Unidos nos festexos e máis aínda na dor. Unha unión inquebrantable que non entendería sen a que propiciou e determinou a orixe deste club e máis aló a orixe desta cidade“, recordou Mouriño.
E os vigueses valoran con orgullo todo o feito polos heroes da reconquista, igual que a aqueles que levantaron unha cidade “viva, dinámica, rica, pero tamén aberta, solidaria, humana, unha cidade para todos”. Por iso, o mellor tributo “é avanzar sen descanso para crear unha cidade máis viva, próspera e humana. Vigo crece tan rápido que apenas da tempo a moldeala, pero iso é o que a fai distinta, única. Cambia a súa maquillaxe cada día, pero mantén a súa mirada, amable, optimista e sempre directa. Vigo mira aos ollos de quen chega. E conquístao”.