Permite regresar a la AP-9 o entrar en Vigo, si el aparcamiento está completo
Leer más
As árbores exóticas fan que a terra se mova a cámara lenta
Duvi/ Escaparon, na maioría dos casos, da xardinería á natureza e hoxe xa se poden ver en ecosistemas degradados, aqueles no que a diversidade e produtividade reduciuse tanto que resulta pouco probable que se recupere sen axuda extra. O medo é que esas árbores exóticas “sexan capaces de dar o salto, saian destes ecosistemas e se estendan aproveitando os cambios ambientais provocados polo home”. Por iso, o Departamento de Ecoloxía da Universidade de Alcalá de Henares quixo comprobar mitos e lendas recollidas na bibliografía internacional, que asegura que a presenza de especies invasoras tenden a acelerar os ciclos de nutrientes do chan. A súa sorpresa foi que todos os resultados apuntaban xusto o contrario. “Comezamos a facer estudos con poucas especies e non atopabamos moitas evidencias a favor da hipótese xeral. Pero cando ampliamos o estudo comprobamos que a follaxe descomponse de xeito máis lento e empobrece o solo, polo menos en nitróxeno”, explicou Pilar Castro-Díez, membro do grupo de investigación e encargada de abrir a quenda de relatorios da I Reunión Ibérica sobre Plantas Invasoras que se celebrará ata o vindeiro 14 de maio no Museo do Mar de Galicia.
Sen unha explicación clara do que provoca esta ralentización dos ciclos de nutrientes do chan, este grupo interdisciplinar de investigadores baralla varias hipóteses que tentarán explorar no futuro ao tempo que elaboran unha cartografía das catro zonas entre o norte e o centro do país escollidas para o estudo na que se recollan desde os diferentes climas ata a presión humana á que están sometidos. “Segundo o patrón que atopamos, o nitróxeno permanece máis tempo retido no compoñente orgánico vivo da vexetación, o que faría que se liberara lentamente e que o ciclo tarde máis en terminar. Son anos de traballo que abriron novas portas”, subliña Castro-Díez.
Por riba de todo, debate
Esta reunión, que nace “coa intención de que se manteña no tempo”, reunirá durante tres días a 62 científicos dos campos máis diversos “unidos polo obxectivo común de desenvolver ferramentas coas que combater as especies invasoras vexetais”, puntualizou Asunción Longo, vicerreitora de Investigación, durante a apertura do congreso. Xornadas de discusión “para compartir coñecemento e ciencia de xeito frutífero para todos pero tamén para gozar dunha contorna privilexiada”, recordou Longo, na que participarán investigadores de tres universidades portuguesas, cinco españolas, do CSIC, de asociacións e empresas e mesmo da administración pública.
A novidade, que nelas se prioriza o debate fronte aos meros relatorios “nun formato clásico no que existe moito tempo de discusión” , recoñeceu Luis González, secretario do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo que organiza o congreso. “Esta reunión demostra que é posible outro modo de facer ciencia, que non son precisos cursos con matrículas desorbitadas. Neste momento a ciencia case está prostituída pola presión de publicar, cando o importante é reunirse para chegar a conclusións que permitan traballar mellor e máis a gusto”, recalcou González. Por iso nesta ocasión optouse por charlas curtas “con tanto tempo de exposición como de discusión” sobre problemas que precisan de solucións específicas dependendo da gravidade, extensión ou especies afectadas. Mentres non se chegue a elas, hai algo que se pode ir facendo: previr.