¡Que se curren tu voto! Cultura

Santi Domínguez pide o voto para que Corina Porro non leve a cultura galega ao faiado dos monxes

RUTH VILLAR/ Sendo hoxe o Día das Letras Galegas, os nacionalistas non podían elixir falar doutra cuestión que non fora da riqueza que achega a cultura galega e da defensa do uso do galego. E fixérono desde todo un aceno de identidade, o Casco Vello de Vigo, concretamente, desde a Praza da Constitución.

Precedido polos seus concelleiros de Cultura e Normalización Lingüística, Xesús López e Iolanda Veloso,  o candidato do BNG á Alcaldía, Santi Domínguez, pediu á cidadanía que lle vote para evitar que a súa adversaria política do PPdeG, Corina Porro, leve a cultura galega “ao faiado dos monxes”.

O nacionalista asegurou que é nese faiado onde estivo Porro os últimos catro anos demostrando, ao seu xuízo, “unha falta total” cara á cultura galega, a toponimia e, en xeral, cara a “todo o que é noso”.

Para todos os que falamos galego cremos que é un tesouro“, subliñou o candidato nacionalista, mentres que insistiu na necesidade de deixar o mellor legado, é dicir, a cultura galega, ás xeracións vindeiras.

Asegurou que o vindeiro domingo os vigueses teñen que facer un exercicio de “activismo da nosa cultura” para non permitir ao PPdeG, con Porro á cabeza, “que acampe nesta cidade“.

Na mesma liña mostráronse os concelleiros de Cultura e Normalización Lingüística. Foi Xesús López o que máis risas suscitou, sobre todo da súa compañeira Veloso, dicindo que a candidata popular estivo tan ocupada estes últimos catro anos “cambiando de despacho” que cando foi a botar man das propostas electorais en materia de cultura “se lle traspapelaron os folios” e colleu o programa electoral de 2007 do BNG.

Esta muller non se decatou de nada“, sinalou López e lembrou todos os logros do BNG, como a reordenación das coleccións de arte municipais, a apertura da pinacoteca no Casco Vello, a rede de bibliotecas de proximidade ou a apertura do xacemento de Toralla.

Pola súa banda, Iolanda Veloso lamentou que a Porro “esquecéselle” o galego e dixo que a unha alcaldesa hai que pedirlle un “mínimo de formación” e que se aspira a ser alcaldesa de Vigo debería falar en galego.

También te puede interesar